Sekeirox |
![]() |
01/06/2008III Encontro de Edublogs 2008 - Santiago de Compostela
Roa 2006 , Ayerbe 2007 e en 2008... agárdanos Santiago de Compostela. Durante os días 3, 4 e 5 de xullo, Aulablog ten o gusto de convocarvos ao III Encontro de Edublogs 2008 , que se desenvolverá na Facultade de Ciencias da Educación da USC . A maxia que nos envolveu aos participantes no Encontro de Edublogs 2006 en Roa de Duero, acompañounos e encheunos de enerxías no encontro de Ayerbe 2007, este ano, estamos seguros de que tamén nos acompañará, polo que decidimos volver a vernos, coñecernos e recoñocernos nun ambiente afable, cordial e próximo, onde o verdadeiro interese é o gozo de encontrarnos, de aprender e de compartir o que sabemos. A temática central en torno á que se articula o III Encontro de Edublogs, que hoxe presentamos, é a creación de redes sociais educativas a través da utilización das ferramentas que nolo permiten. Conferencias, experiencias, obradoiros (redes sociais, blogs, wikis, ferramentas de autor, xestores de contidos, entornos virtuais de ensinanza - aprendizaxe, multimedia,.. ) e convivencia son parte da oferta recollida no programa deste Encontro. Como se recolle na páxina de información relacionada co Encontro, xa está aberto o prazo tanto para a inscrición como para o envío de comunicacións . Comeza a conta atrás e as prazas son limitadas. Agardámoste no camiño, en Santiago!!
17/05/2008Polo recoñecemento oficial das publicacións na rede![]() Blogfesora e compañeira Lu. O que non sentín foi sensación de sorpresa. Non tiven esta sensación, porque este incidente (accidente) que viviches e narraches "en calidade de... pringueision" é tan só unha consecuencia de "algo" que vimos dicindo e mantendo os que nos movemos pola blogosfera educativa. Ese "algo" é que imos (nalgúns eidos) un pasiño (máis ou menos longo) por diante da administración. Este "ir por diante" ten as súas vantaxes e inconvintes. Algunha vantaxe clara é, por exemplo, o sentir que estamos na punta de lanza (polo menos nunha das puntas de lanza) da innovación educativa; e iso fainos sentir ben, activos. Neste senso, case sempre "imos por fóra" do sistema, nun movemento subversivo marabilloso que nos mantén vivos e con ilusión. Ante esta situación o que temos máis ou menos claro (moitos de nós), é que teremos que facer algo para que a administración mova ficha e dea ese salto que lle falta para que o que che aconteceu Lu, non siga pasando. O tempo e as tendencias convertidas en usos máis ou menos normalizados das ferramentas e usos que nos unen, irán dando paso a un recoñecemento máis que xustificado deste tipo de traballo que todos desexamos que se valore. Mais non podemos agardar, senon axudar dalgún modo a que se visualice esta necesidade, por exemplo asinando no manifesto a prol do recoñecemento oficial do traballo na rede, ou engadindo as imaxes creadas para a campaña, entre as que está esta estupenda, (deseñada e traducida ao galego pola xentileza de Néstor Alonso) Máis información:
17/05/2008 12:03. Autor: Carlos Santos. Ligazón permanente. Tema: Política educativa. Hay 1 comentario. 07/05/2008I Congreso Galego de Educación Infantil 0 - 3![]() Os días 27, 28 e 29 de xuño celebrarase o "I Congreso Galego de Educación Infantil 0-3" no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela)No portal galescolas.net temos acceso a esta información sobre o Congreso. Nesta edición teño o gusto e o reto de formar parte da organización. Agardamos que a participación sexa inesquecible.Destinatarios: Persoal das escolas infantís Obxectivos:
Conferencias Plenarias: Diversas persoas de recoñecido prestixio axudarannos a facer unha reflexión teórica e práctica sobre a situación da educación infantil 0-3 e a importancia dunhas boas prácticas no traballo das escolas infantís. Relatores:
Paneis de Experiencias: Un dos obxectivos do Congreso é o de facilitar o coñecemento de experiencias que se están desenvolvendo no ámbito da educación infantil, e iso preténdese conseguir cos paneis de experiencias en que, a partir de pequenas comunicacións, moitas escolas infantís poidan poñer en común experiencias, reflexións e ideas sobre a súa práctica cotiá. Obradoiros: Desenvolverase algunha sesión de obradoiros alternativos sobre temas de interese para o traballo na educación infantil:
DOCUMENTOS DE INTERESE:
07/05/2008 15:50. Autor: Carlos Santos. Ligazón permanente. Tema: CeroTres. No hay comentarios. Comentar. 05/05/2008Galescolas. Entrevista a Lois FerradásLevo xa unha boa tempada dedicándolle as miñas forzas e ilusións a todo o que se está a vivir nas Galescolas ; ao proxecto (hoxe xa unha realidade), de transformar e poñer en valor a educación da primeira infancia da Galiza do século XXI; axudando a tecer a rede de galescolas . Esta parte tan importante da miña vida non tivo, ata o momento, o espazo que se merece neste meu sekeirox. Para comezar a revertir esta situación, non se me ocorre unha forma mellor que recoller íntegramente a entrevista publicada en Irimia (en dixital en Vieiros) que lle fixeron a Lois Ferradás: sen dúbida, unha das persoas deste país que máis luz (en todas as vertentes do termo: claridade, brillantez, enerxía,... ) e sentido aporta ás Galescolas.
13/03/2008En Camiño cara ao III Encontro de Edublogs
![]()
Recollo nesta anotación o anuncio redactado pola amiga Lourdes en Aulablog "O ano pasado, despedimos o Encontro de Ayerbe cunha bonita metáfora de Tíscar Lara, que nos identificába como peregrin@s en Internet, transitando por camiños inexplorados, cada quen polo seu, inevitablemente en soidade en moitos momentos, pero buscando e gozando dos lugares de encontro para repoñer forzas, trazar a ruta, cargar a mochila, intercambiar experiencias, vivencias e por que non, atopar compañía e amizade. 22/02/2008A web como espazo da cultura en redeDentro das accións formativas de Interea (2007-2008) incluíron un obradoiro que se denominou: A web como espazo da cultura en rede. A coordinadora de formación: Laura Cruz tivo a ben convidarnos á amiga Lucía Blanco e a min mesmo para que fixésemos de relatores nesta actividade. O formato: un obradoiro dirixido a técnicas e técnicos de cultura; o lugar: O telecentro (local multiusos) do concello de Santa Comba . O programa desenvolveuse segundo o previsto (aínda que sobre a marcha decidimos facer algúns cambios para centrarnos nalgunhas ferramentas que resultaron de especial interese para os asistentes): ás 9:30 recollida de material; ás 10:00 a presentación do obradoiro e a partir das 10:30, Lucía e máis eu dinamizamos unha primeira parte que consistiu na análise da realidade dos técnicos de cultura da provincia da Coruña no que ao traballo en rede se refire. Aproveitamos un artigo publicado no número 10 da revista: Interea Visual dedicado á cultura de rede. O artigo concreto Novas artes para a faena cultural de Fernando R. Lavandeira , deu moito de si e serviu para iniciar un debate que rematou cunha posta en común das dificultades e potencialidades que os asistentes consideraron de cara ao traballo en rede, na rede. Ás 12 chegou o descanso, e co descanso un magnífico almorzo encargado pola organización e servido polo persoal do restaurante Leandro (Santa Comba) a onde haberá que volver. Todo riquísimo especialmente os buñuelos, mellor dito as "chulas", que non as comía tan ricas dende hai moito tempo que mas preparaban na casa. Tralo descanso, Lucía e máis eu (os futanos, ou futanitos) comezamos a contar como cíamos que algunhas ferramentas (principalmente as que están na liña da web 2.0) poderían axudar aos técnicos de cultura a desenvolver mellor o seu traballo e a fortalecer as ligazóns entre os membros dese colectivo. Etiquetado, RSS (as pelotas e o agregador de Ayerbe volveu a funcionar), marcadores sociais, blogs, wikis, mapas, axendas compartidas, documentos compartidos, ferramenta para visualizar as redes sociais,... comenzaron a encher os maletíns de ferramentas que lles entregamos aos asistentes. Obviamente foron demasiadas cousas pero o obxectivo de lanzar ideas abrir portas e posibilidades conseguiuse ao noso entender. Entre ferramenta e ferramenta (en case todas elas os asistentes tiveron a ocasión de probalas e comprobar a facilidade do seu uso, a pesar de que non estaban afeitos a traballar con elas), gozamos dunha estupenda comida en compañía de todas e todos os asistentes. Foi un bo momento para reforzar lazos, contar experiencias e pasar un bo rato. Na última parte do obradoiro, pola tarde, partindo das necesidades detectadas na sesión da mañá e coas ferramentas que tiñan nos seus maletíns, convidóuselles a aventurar unha posible configuración "da ferramenta" (integradora de outras ferramentas) que necesitarían para fornecer as redes sociais relacionadas co seu traballo: a cultura. O resultado foi máis que alentador e satisfactorio, porque serviu para comprobar que tiñan captado o potencial das ferramentas presentadas e a necesidade de compartir e colaborar na rede. Para rematar, quedou pendente a realización dunha tarefa (entre todas e todos) para comezar a definir como é esa rede que queren empezar a visualizar na "rede". Grazas a Laura, Mónica (que asumiu a secretaría da actividade) e a Interea pola posibilidade que nos deron de participar. (En canto me pasen as fotos tomadas no obradoiro, compartireinas)
22/02/2008 17:00. Autor: Carlos Santos. Ligazón permanente. Tema: (SI) Sociedade da Inf.... Hay 10 comentarios. 19/01/2008Chaves para acadar unha docencia de calidade na universidadeGrazas a este artigo publicado por D. Besadío no DUVI , temos información dunha conferencia impartida por M.A. Zabalza (catedrático de didáctica da USC ). Os que tiveron a sorte de acudir á cita, encadrada dentro do ciclo A docencia universitaria e que tivo lugar na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo , teñen agora máis chaves para reflexionar sobre os novos retos que terá que afrontar a universidade para adaptarse aos novos tempos e, con el, ao EEES . Algunhas das cuestións e afirmacións, sen dúbida moi resumidas e expresadas de forma sintética nesta nova, son aspectos chave sobre os que dialogar e conversar tanto na docencia universitaria como noutros niveis do ensino. Segundo a fonte citada, M. Zabalza mantivo que para ser un bo docente non abonda con ter capacidade de planificar o curso, seleccionar e presentar os contidos do xeito axeitado e explicalos de forma comprensible. É necesario ademais:
Con respecto ao comentario xeralizado entre docentes universitarios da deficiente formación coa que os estudantes chegan ás aulas universitarias, Zabalda destacou que “os nosos alumnos son distintos a como eramos nós, veñen peor preparados en determinadas materias pero saben moito máis doutras, como a informática ou os idiomas. Habería que sacarlle o máximo partido a estas novas fortalezas”, comentaba.
Para este autor, o labor fundamental que ten que asumir o profesor universitario é o de docente, fronte á investigación. Por outra banda, o papel do alumnado vaise ver modificado xa que se esperará del un certo grado de autonomía e que asuma parte da responsabilidade dentro do seu proceso educativo.
19/01/2008 11:44. Autor: Carlos Santos. Ligazón permanente. Tema: Política educativa. Hay 1 comentario. 18/01/2008A escola na rede (CFR de Ferrol)O ano pasado contaba sobre a miña asistencia á charla impartida por Jordi Adell en ferrolterra. Gardo moi bo recordo daquela visita ao IES Sofía Casanova . O que non pasara polo meu maxín naquel intre era que un ano despois ía volver a visitar o mesmo salón de actos, neste caso compartindo o papel de relator coa amiga Lucía Blanco. Agradézolle aos responsables do CFR de Ferrol que nos convidasen e que nos tratasen o ben que nos trataron. Cando un está a gusto, o traballo sae moito mellor. A nota de prensa enviada polo CFR informando sobre este evento o pasado día 10 dicía asi:
Nunha próxima anotación contarei sobre a charla que tivemos o pracer de manter Lucía e máis eu cos asistentes este xoves 17 de xaneiro "Tecendo a rede con ferramentas 2.0" O vindeiro 21 tócalle o turno a Antonio R. de las Heras da Universidade Carlos III "Un modelo de integración das TIC en educación" O 24 de xaneiro, volveremos a ter por ferrolterra a Jordi Adell que falará sobre "Competencia dixital na era da web 2.0 E para finalizar esta xeira de charlas e conferencias teremos a Fernando G. Paez e José Manuel Bouzán Matanza, que nos falarán sobre "O papel dos coordinadores TIC" 25/12/2007II xornadas de TADEGa con regalo incluídoRematando o 2007, tiveron lugar en Santiago as II xornadas de TADEGa . O principal obxectivo destas xornadas foi o agasallarnos cunha nova asociación cargada de bos obxectivos, ideas e profesionais, que van traballar para compartir con todos nós o seu saber sobre o emprego das TIC na atención á diversidade. 30/11/2007Os amigos de El Tinglado finalistas no Edublog Awards 2007Vaia Tinglado!! As cousas ben feitas, ás veces teñen unha boa recompensa. Vía Aulablog , dou coa nova de que El Tinglado é un dos sitios finalistas nos Edublog Awards2007 na categoría de “best education tech support blog”. Síntome moi contento de que os amigos do Tinglado opten ao triunfo final. Para conseguilo é necesario apoialos!!! E merecen que os apoiemos por moitas razóns, algunhas das cales as apuntaba Lourdes : porque se trata dunha experiencia colectiva dentro do mundo educativo, co esforzo que iso conleva; porque os seus artífices, comparten con todo o mundo sen agardar nada a cambio. Porque é un colectivo próximo, accesible, deses que che acollen cos brazos abertos cando te achegas. Porque o blog e as súas propostas son realmente as mellores: 10/11/2007Blogs e Educação: Uma entrevista![]() Na súa Boteco Escola , Jarbas ofrécenos desta vez unha entrevista que lle fixeron hai algún tempo, sobre a súa visión das bitácoras e os usos que se lles dá ás mesmas en distintos ámbitos, entre eles, e sobre todo no educativo. Non ten desperdicio, Jarbas consegue trasladar a súa visión da utilización dos blogs de forma clara, aporta exemplos moi interesantes de utilización das bitácoras no mundo do ensino e mantén a idea, que comparto totalmente, de ter presente que se trata de ferramentas favorecedoras de procesos de Comunicación con "C" maiúscula. A entrevista apórtanos as reflexión de Jarbas sobre a cuestión, a posta en valor da imaxinación para a utilización das diversas ferramentas e recursos que temos ao noso alcance para adecualas aos nosos propósitos. O ton da mesma, sempre correcto, deixa entrever un certo aire subversivo, como a propia natureza destas ferramentas. Gostei da súa lectura. Os blogs em educação não devem ser nem pedagógicos, nem didáticos
Grazas Jarbas, por compartir. 10/11/2007 12:38. Autor: Carlos Santos. Ligazón permanente. Tema: Edublogs. No hay comentarios. Comentar. 30/10/2007Entre o encerado e o ciberespazo: entrevista a Lourdes BarrosoO outro día, despois dunha xornada moi dura, chegou unha conversa que me fixo virar o día. O mal rollo da xornada, transformouse en risas e unha charla distendida que me serviu para descansar mellor esa noite. A charla era coa amiga Lourdes Barroso , unha das persoas que está a tirar do carro de Aulablog . Comentábame, nesa conversa, sobre unha entrevista que lle estaban a facer para un medio de comunicación (e botamos unhas risas). Por suposto, estiven ben atento á prensa do día para ver onde e como saía esa reportaxe. Onte esa entrevista "Entre la pizarra y el cibersespacio" saía publicada en elmundo.es Estou encantado de que o traballo de currantas e currantes do ámbito educativo, neste caso do ámbito das TIC na educación, como é o caso de Lourdes se vexa recoñecido públicamente nos medios. Parabéns polo teu traballo Lourdes !!
![]()
16/09/2007Na EducaParty - Santander 2007
![]()
Levaba unha boa tempada sen publicar neste meu Sekeirox por unha razón ou por outra. O caso é que fun deixando a manchea de cousas que teño por recoller aqui, para un momento mellor (que non dá chegado), permanecen escritas en follas de papel, arquivadas por distintos puntos do ordenador ou da web, tamén polo meu maxín,... xa lles chegará o momento. Despois do encontro de Ayerbe , presentóusenos a oportunidade (a moitos dos asistentes), de volvernos a encontrar compartindo labores formativas. Nesta ocasión, e aproveito para agradecerllo públicamente, foi Luis Rojo (director pedagóxico do encontro e de Educared ) quen, asesorado polas amigas, do seu equipo de CEPAL (Maripaz, Sara, Almudena, Thais, Rafa, Nuria, Sandra, Mónica, María e Natalia, algunhas das cales nos acompañaron en Ayerbe amosándonos os tablet PC e as pizarras dixitais e cantando parte do repertorio do cancioneiro de Ayerbe) decidiu contar cunha representación da blogosfera educativa, para completar o grupo de formadores da EducaParty 2007 que se celebrou en Santander os días 4 e 5 de setembro. Dende o sábado 2, os formadores colaboramos nas tarefas de montaxe dos equipos e comezamos coas accións de coordinación pedagóxica (tarefas que quedaron perfectamente recollidas de forma gráfica por distintos medios ). O desenvolvemento do planificado funcionou á perfección (ou case). No encontro deuse unha boa conxunción de elementos: un marco moi bonito como é a península da Magdalena , un desplieque técnico de ensoño (en canto a equipamento informático, conexión, pizarras dixitais,...); o respaldo de grandes empresas, patrocinadores a UIMP ,... e como non (e sobre todo) a calidade das persoas que se reunían ali. Unha vez máis (cada situación é distinta), a calidade humana do vivido neste tipo de actividades formativas compartidas, compensa con creces o traballo, esforzo e dedicación investidos na preparación da execución pedagóxica destes eventos, cada un na parte que lle toca. Unha vez máis, coñecín novas persoas e personaxes que seguen a aumentar e facer máis resistente a miña rede social; e unha vez máis puxen voz, mirada e expresión a moitas das fontes de información das que bebo cada día. Como xa teño comentado nalgunha ocasión, este tipo de encontros e relacións personais (reais, cara a cara) fan que os textos e publicacións que nos atopamos na rede en diversos formatos, nunca máis sexan o que eran ata ese momento. A nosa voz interior, que a cotío nos acompaña nas lecturas de autores, dos que non coñecemos máis que a súa obra, énchese de matices e connotacións enriquecedores, en canto sabemos como "respiran" esas persoas, como miran, como sorrín. A partir de agora os textos de Bea, de Juanmi, de Artur ,... (como xa me acontecera antes con outros dos meus amigos blogosféricos) terán as voces, os xiros e as expresións dos seus autores o cal supón un enriquecemento emocional importante ás miñas lecturas. Uns monstruos Estase realmente a gusto (cada vez me sinto máis cómodo) departindo e compartindo en días coma estes, coa xenialidade de Luis e Paco (ao que non vía dende 2005), con Isidro e con Lu (que atesouran unha forza interior vestida de sensibilidade que me teñen encantado), con Víctor e con Marcos , con Elena , con José Dulac e coas amigas e amigos de Cepal; e con Charo e Lourdes, que sempre están ahi, algo que para min é moi importante,... Tamén tivemos a sorte e a ocasión de vernos (brevemente) con Felipe Zayas e Tiscar, o cal sempre é un pracer; e de falar con tantas e tantas persoas que non vou citar nesta anotación porque sería extenderme en demasía (non porque non me lembre deles). Trala presentación do evento, entrega de documentación e saúdo das autoridades (que ben falan e que cousas tan bonitas din, ás veces!!) comezou a carga de contidos. A presentación realizada por Ismael Nafría, deixounos un bo sabor de boca a todos os que estamos un pouco metido nestes temas, aínda que tentou contar moooitas cousas en moi pouco tempo e quizais algún dos asistentes sufrise unha pequena "infosaturación"; con todo, para min estivo correcto. A continuación tivemos a sorte de escoitar a Lu e a Isidro falando das súas experiencias cos blogs nas súas aulas. (Os que non os coñecían seguro que quedaron prendados deles). Luis Rojo axudounos a coñecer un pouco máis dos Tablet PC, que fixeron as delicias de moitos dos asistentes [eu tamén aprendín algunhas cousas sobre estes ordenadores, que me pareceron interesantes (pensando sobre todo na utilización destas ferramentas por parte dos máis pequenos; o mesmo me pasou coas pizarras dixitais)]. Tras un descanso, fíxose entrega dos premios aos profesores innovadores, aos que tamén tiven a sorte de coñecer: José Manuel Arranz (Xeometria Activa) e José Carlos Ruiz (Numancia). A continuación empezou a festa. A carpa empezou a ferver coa actuación maxistral do maestro Paco (Francisco Muñoz de la Peña) . Mr Wong (como exemplo de ferramenta para xestionar marcadores sociais) cobrou protagonismo e coa axuda dos que estabamos facendo o apoio nas seccións que tiñamos encomendada, coido que os asistentes colleron a esencia dos marcadores sociais; e o reto proposto por Paco (quen por certo fixo unha excelente crónica do evento , e polo tanto eu non me extendo moito máis) funcionou moi ben. Despois da intervención de Paco, veu unha das miñas decepcións da festa: o non poder participar dos concursos (caza dos tesouros) nos que se repartían premios ben interesantes aos gañadores (non quere dicir que fose a gañar eu, pero polo menos ter a oportunidade; non lle andaría moi lonxe, creo): Tablet Pcs, Ipods,.... :( E para os que non tivemos que impartir obradoiros aos alumnos da UIMP, pois ali rematou a primeira xornada. O último día foi de moito curro para empezar a xornada: "se non queres caldo: tres tazas" Durante toda a mañá, e de forma case que ininterrompida, todos os formadores impartimos o obradoiro que tiñamos asignado. Eu tíveno realmente doado, xa que os materiais preparados por Charo, sobre ferramentas web 2.0, se deixaban adaptar perfectamente ás condicións (equipos, auditorio e tempo) que tiñamos. A oferta era variada: EduBlogs: Blogs y Educación - Taller de elaboración y administración de un Blog educativo. Tralo xantar e a sesión de karaoke , veu o turno dos paneis temáticos, (tamén moita variedade - Podcast educativo: as clases no iPod, - Wikis: ferramentas colaborativas na Web; - LIM: ferramenta de creación de contidos didácticos ; - Mapas Conceptuais: Cmaptools ; - Second Life e o seu potencial educativo; - Crear un Blog coa ferramenta A Navegar; - Blogs a fondo ; - Ferramentas Web 2.0 a fondo) . Eu pola miña parte centrei a miña charla deste último panel: nos pes da Web 2.0 (un pouco máis) e na sindicación de contidos (o recolledor de Ayerbe volveu a funcionar). Para rematar: outro concurso (que me deixou o mel nos beizos), unha boa cea cos amigos e volta para a casiña. A anécdota das xornadas para min (houbo moitas), e que dá unha certa idea de a onde chega a nosa "doenza" ou virtude ;) é cando vexo a Paco, charlando, de forma distendida, durante uns minutos cunha das azafatas que amablemente atendían un dos stands de Telefónica. Ao rematar a xornada... a azafata, que acababa de contactar co mundo dos blogs, tamén tiña un blog creado e cun par de anotacións realizadas ... iso si que é "blogvanxelización" !!!
![]()
14/09/2007En Inforensino 2007![]() Ao longo desta xornada, estarei compartindo con outros poñentes o estrado do Pazo de Congresos de Lugo nas xornadas Inforensino 2007 , organizadas polo CFR de Lugo , a quen lles agradezo a invitación a participar (tamén a ti Paco) que terán lugar os días 14, 15 e 16 de setembro. Charlaremos sobre a Web 2.0, sobre algunhas ferramentas que podemos incluír neste saco, e de como lles podemos sacar proveito no ámbito educativo. A segunda parte da miña intervención estará centrada no uso de blogs e wikis nos centros. Xa contarei as miñas impresións (teño aínda pendente a crónica do acontecido na EducaParty 2007 - Santander ) na que compartín, entre outras cousas, labouras de formador xunto a moitos amigos e amigas da blogosfera educativa. A crónica está no forno a puntiño de saír. ;) 08/07/20072º Encontro de Edublogs: Marcadores sociais e sindicación de contidos.... por pelotas![]() 1. Desculpas Esta anotación debera estar publicada hai xa uns días, xa que son un dos poucos relatores do 2º Encontro de Edublogs , celebrado en Ayerbe, que todavía non "colgou" a súa presentación ou o guión da súa comunicación ou obradoiro; desculpas tamén polo final do título escollido neste artigo, pero se queres saber por que é asi, terás que chegar ao final da anotación Aproveito esta situación, de publicala unha vez rematado o encontro, para incorporar algún elemento novo, tanto á presentación como ao desenvolvemento do obradoiro. 2. A miña visión do obradoiro O primeiro reto que se me presentou antes de iniciar o obradoiro, foi facer fronte á gran diversidade de competencias dos asistentes con respecto aos temas a tratar. A sindicación de contidos é un elemento básico na forma de comportarnos na rede na actualidade, e moitas veces facemos uso deste "servizo" sen pararnos a pensar demasiado no tema, e outras veces, simplemente non facemos uso del, ben porque non queremos ou porque non sabemos. E con respecto aos marcadores sociais, para algúns foi un descubrimento pero para a maioría foi unha forma de sacar a flote algo que xa sabían y que tal vez a partir de agora utilicen un pouco máis. Pois ben, ese era un pouco o obxectivo do obradoiro, falar destes "servizos" que nos ofrece internet (facelos visibles), para facernos a vida un pouco máis doada, pero sen meternos demasiado en aspectos técnicos ou explicacións que poderían resultar demasiado forzadas para algúns e demasiado "light", para outros (e todo iso en 2 horas). 3. O desenvolvemento O que tivemos, foi unha charla distendida na que contei, de forma sucinta, a miña experiencia persoal no uso destes servizos. Falamos de moitas cousas: de tecnoloxías, de información, de COMUNICACIÓN; de como entendo a utilización destas ferramentas que nos permiten ser parte activa na producción e transmisión da información e non só consumidores; falamos dalgúns aspectos chave, no éxito destes servizos: facilidade de uso e independencia tecnoloxías particulares; o RSS e o etiquetado da información por parte das persoas.
Unha vez abordadas: as ideas, os conceptos, e algunhas formas de facer (procedementos); procuramos provocar unha especie de trebón de ideas en común, para sacarlle punta a estas ferramentas no ámbito educativo. Algunhas destas ideas foron:
Antes de rematar, ofrecemos algunhas ligazóns para afondar no tema: "para nota".
Personalmente e como relator, quedei encantado co interese amosado polos asistentes ao obradoiro, tanto por algunhas cousas das que contei, como pola forma que foi tomando a charla e o intercambio das ideas. 4. A sorpresa,... por pelotas Un aspecto que parece que causou certa sensación
PD. A explicación do RSS foi un pouco máis extensa. O que aparece no vídeo é unha síntese que quedou recollida grazas a Montse, Charo e Antonio.
|
Temas
Archivos
EnlacesBlogheadas
ContornoDeseño
Deseño InstruccionalDocument AndoEdublogs
Educ AndoEduticadas
Recursos
(SI) Sociedade da Inf...TecnoloxíasWebQuests
1,2,3 a contar ...Contact AndoImaxin AndoCeroTres
Este blog está adherido á Declaración de Roa, elaborada no 1er. Encontro de Edublogs. Fai clic aquí para acceder a ela e suscribila coa túa firma. Descarga / copia o banner no teu blog e lígao para difundir este documento. (Fai clic co botón dereito do rato e selecciona copiar imaxe). Documento en pdf ou quizais prefiras velo e escoitalo . |