Blogia
Sekeirox

Na EducaParty - Santander 2007

 

 

Levaba unha boa tempada sen publicar neste meu Sekeirox por unha razón ou por outra. O caso é que fun deixando a manchea de cousas que teño por recoller aqui, para un momento mellor (que non dá chegado), permanecen escritas en follas de papel, arquivadas por distintos puntos do ordenador ou da web, tamén polo meu maxín,... xa lles chegará o momento.

Despois do encontro de Ayerbe , presentóusenos a oportunidade (a moitos dos asistentes), de volvernos a encontrar compartindo labores formativas. Nesta ocasión, e aproveito para agradecerllo públicamente, foi Luis Rojo (director pedagóxico do encontro e de Educared ) quen, asesorado polas amigas, do seu equipo de CEPAL (Maripaz, Sara, Almudena, Thais, Rafa, Nuria, Sandra, Mónica, María e Natalia, algunhas das cales nos acompañaron en Ayerbe amosándonos os tablet PC e as pizarras dixitais e cantando parte do repertorio do cancioneiro de Ayerbe) decidiu contar cunha representación da blogosfera educativa, para completar o grupo de formadores da EducaParty 2007 que se celebrou en Santander os días 4 e 5 de setembro.

Dende o sábado 2, os formadores colaboramos nas tarefas de montaxe dos equipos e comezamos coas accións de coordinación pedagóxica (tarefas que quedaron perfectamente recollidas de forma gráfica por distintos medios ).

O desenvolvemento do planificado funcionou á perfección (ou case). No encontro deuse unha boa conxunción de elementos: un marco moi bonito como é a península da Magdalena , un desplieque técnico de ensoño (en canto a equipamento informático, conexión, pizarras dixitais,...); o respaldo de grandes empresas, patrocinadores a UIMP ,... e como non (e sobre todo) a calidade das persoas que se reunían ali.

Unha vez máis (cada situación é distinta), a calidade humana do vivido neste tipo de actividades formativas compartidas, compensa con creces o traballo, esforzo e dedicación investidos na preparación da execución pedagóxica destes eventos, cada un na parte que lle toca.

Unha vez máis, coñecín novas persoas e personaxes que seguen a aumentar e facer máis resistente a miña rede social; e unha vez máis puxen voz, mirada e expresión a moitas das fontes de información das que bebo cada día.

Como xa teño comentado nalgunha ocasión, este tipo de encontros e relacións personais (reais, cara a cara) fan que os textos e publicacións que nos atopamos na rede en diversos formatos, nunca máis sexan o que eran ata ese momento. A nosa voz interior, que a cotío nos acompaña nas lecturas de autores, dos que non coñecemos máis que a súa obra, énchese de matices e connotacións enriquecedores, en canto sabemos como "respiran" esas persoas, como miran, como sorrín.

A partir de agora os textos de Bea, de Juanmi, de Artur ,... (como xa me acontecera antes con outros dos meus amigos blogosféricos) terán as voces, os xiros e as expresións dos seus autores o cal supón un enriquecemento emocional importante ás miñas lecturas. Uns monstruos Guiño nesta vida, na segunda, ou na que veña.

Estase realmente a gusto (cada vez me sinto máis cómodo) departindo e compartindo en días coma estes, coa xenialidade de Luis e Paco (ao que non vía dende 2005), con Isidro e con Lu (que atesouran unha forza interior vestida de sensibilidade que me teñen encantado), con Víctor e con Marcos , con Elena , con José Dulac e coas amigas e amigos de Cepal; e con Charo e Lourdes, que sempre están ahi, algo que para min é moi importante,...

Tamén tivemos a sorte e a ocasión de vernos (brevemente) con Felipe Zayas e Tiscar, o cal sempre é un pracer; e de falar con tantas e tantas persoas que non vou citar nesta anotación porque sería extenderme en demasía (non porque non me lembre deles).

Trala presentación do evento, entrega de documentación e saúdo das autoridades (que ben falan e que cousas tan bonitas din, ás veces!!) comezou a carga de contidos. A presentación realizada por Ismael Nafría, deixounos un bo sabor de boca a todos os que estamos un pouco metido nestes temas, aínda que tentou contar moooitas cousas en moi pouco tempo e quizais algún dos asistentes sufrise unha pequena "infosaturación"; con todo, para min estivo correcto.

A continuación tivemos a sorte de escoitar a Lu e a Isidro falando das súas experiencias cos blogs nas súas aulas. (Os que non os coñecían seguro que quedaron prendados deles).

Luis Rojo axudounos a coñecer un pouco máis dos Tablet PC, que fixeron as delicias de moitos dos asistentes [eu tamén aprendín algunhas cousas sobre estes ordenadores, que me pareceron interesantes (pensando sobre todo na utilización destas ferramentas por parte dos máis pequenos; o mesmo me pasou coas pizarras dixitais)].

Tras un descanso, fíxose entrega dos premios aos profesores innovadores, aos que tamén tiven a sorte de coñecer: José Manuel Arranz (Xeometria Activa) e José Carlos Ruiz (Numancia).

A continuación empezou a festa. A carpa empezou a ferver coa actuación maxistral do maestro Paco (Francisco Muñoz de la Peña) . Mr Wong (como exemplo de ferramenta para xestionar marcadores sociais) cobrou protagonismo e coa axuda dos que estabamos facendo o apoio nas seccións que tiñamos encomendada, coido que os asistentes colleron a esencia dos marcadores sociais; e o reto proposto por Paco (quen por certo fixo unha excelente crónica do evento , e polo tanto eu non me extendo moito máis) funcionou moi ben.

Despois da intervención de Paco, veu unha das miñas decepcións da festa: o non poder participar dos concursos (caza dos tesouros) nos que se repartían premios ben interesantes aos gañadores (non quere dicir que fose a gañar eu, pero polo menos ter a oportunidade; non lle andaría moi lonxe, creo): Tablet Pcs, Ipods,.... :(

E para os que non tivemos que impartir obradoiros aos alumnos da UIMP, pois ali rematou a primeira xornada.

O último día foi de moito curro para empezar a xornada: "se non queres caldo: tres tazas" Durante toda a mañá, e de forma case que ininterrompida, todos os formadores impartimos o obradoiro que tiñamos asignado. Eu tíveno realmente doado, xa que os materiais preparados por Charo, sobre ferramentas web 2.0, se deixaban adaptar perfectamente ás condicións (equipos, auditorio e tempo) que tiñamos.

A oferta era variada:

EduBlogs: Blogs y Educación - Taller de elaboración y administración de un Blog educativo.
Herramientas Web 2.0 - Utilidad pedagógica y modelos de uso de estos nuevos servicios on line.
Pizarra Digital y soft educativo - Pizarra digital interactiva como recurso dentro del aula.

Tralo xantar e a sesión de karaoke , veu o turno dos paneis temáticos, (tamén moita variedade - Podcast educativo: as clases no iPod, - Wikis: ferramentas colaborativas na Web; - LIM: ferramenta de creación de contidos didácticos ; - Mapas Conceptuais: Cmaptools ; - Second Life e o seu potencial educativo; - Crear un Blog coa ferramenta A Navegar; - Blogs a fondo ; - Ferramentas Web 2.0 a fondo) . Eu pola miña parte centrei a miña charla deste último panel: nos pes da Web 2.0 (un pouco máis) e na sindicación de contidos (o recolledor de Ayerbe volveu a funcionar).

Para rematar: outro concurso (que me deixou o mel nos beizos), unha boa cea cos amigos e volta para a casiña.

A anécdota das xornadas para min (houbo moitas), e que dá unha certa idea de a onde chega a nosa "doenza" ou virtude ;) é cando vexo a Paco, charlando, de forma distendida, durante uns minutos cunha das azafatas que amablemente atendían un dos stands de Telefónica. Ao rematar a xornada... a azafata, que acababa de contactar co mundo dos blogs, tamén tiña un blog creado e cun par de anotacións realizadas ... iso si que é "blogvanxelización" !!!

Una foto de Flickr

 


 

4 comentarios

Elena Talavera -

Me encanta leer estas referencias en la web. Bonitos recuerdos...

Carlos -

Todo isto facémolo entre tod@s,a próxima (supoño) contareivos do vivido no Inforensino. ;)

Lu -

Una crónica cálida y entrañable, escrita desde la memoria.

Francisco Muñoz de la Peña -

Una crónica magistral, me ha encantado Carlos.
Espero que no tardemos mucho tiempo en reencontrarnos.
Todo muy rico todo muy bueno pero la vaquiña por lo que vale