Blogia
Sekeirox

Innovación educativa: Premios e convocatorias

Inda que xa pasaron uns días, fágome eco dun par de convocatorias a prol da Innovación educativa por parte da Administración autonómica.

A primeira trátase da convocatoria de 10 proxectos destinados á incorporación das TIC nos centros (os beneficiarios recibirán un paquete multimedia e ata un máximo de 2000 euros para a posta en marcha do proxecto, e asesoramento ao profesorado). 

A segunda é a convocatoria de 25 premios á innovación e investigación educativa para o profesorado do ensino non universitario .

 

 Texto íntegro das convocatorias:

 

Santiago, 7 de maio de 2007.- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe axudas para a realización de 10 proxectos de innovación educativa, que se desenvolverán no curso 2007-2008, para a incorporación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs) ao proceso educativo.

Poderán participar nesta convocatoria os centros públicos de ensino non universitario dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os seleccionados recibirán un paquete multimedia composto por un encerado dixital interactivo, un proxector e seis ordenadores portátiles, como máximo, que se enviarán no primeiro trimestre do curso académico 2007-2008. Ademais, percibirán unha dotación económica de ata un máximo de 2.000 euros para a posta en marcha do proxecto; así como asesoramento para o profesorado do centro, co obxectivo de mellorar o aproveitamento dos recursos informáticos e facilitar a súa incorporación á docencia. Así mesmo, os centros de formación e recursos proporcionaranlles aos centros docentes apoio e asesoramento, tanto para a elaboración dos seus proxectos coma para o seu desenvolvemento.

Por outra banda, estes centros terán acceso ao espazo web www.edu.xunta.es/contidos/rede_tic, o que lles permitirá facilitar a creación e organización de materiais e recursos educativos por medio das novas tecnoloxías. Ademais, a Administración educativa difundirá as experiencias dos centros seleccionados a través da rede, e publicará os materiais producidos a través do portal galego de contidos educativos www.edu.xunta.es/contidos. Os centros seleccionados pasarán a formar parte da rede TIC 2007-2008.

As solicitudes valoraranse atendendo a criterios coma o carácter innovador e pedagóxico do proxecto e a súa integración no proxecto curricular do centro; a coherencia do proxecto coa proposta de organización e dotación de espazos e de aulas no proxecto educativo do centro; e o acceso en igualdade de condicións e o fomento de valores democráticos. Outro dos aspectos avaliados será a viabilidade do proxecto, tendo en conta o compromiso do profesorado coa formación no uso das TIC; a garantía de continuidade do proxecto; ou a experiencia previa na participación e desenvolvemento de proxectos de innovación ou formación e a experiencia en TICs do centro e os participantes. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá.

Esta convocatoria recolle a política da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na promoción do acceso ás novas tecnoloxías e no apoio ao desenvolvemento docente; tendo en conta que a competencia dixital é clave para a aprendizaxe ao longo da vida, e que o uso das TICs con fins educativos abre novas dimensións e posibilidades nos procesos de ensino e aprendizaxe.

 

A segunda:

 

Santiago, 13 de maio de 2007.- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fixo pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 8 de maio a convocatoria de 25 premios á innovación e investigación educativa, dirixida ao profesorado de centros de ensino non universitario sostidos con fondo públicos. O obxectivo desta acción é recoñecer o traballo realizado polos docentes neste eido, así como promover prácticas educativas innovadoras. O investimento ascende a 32.000 euros.

 

A Administración educativa inviste un total de 32.000 euros nesta acción

A modalidade A premia experiencias educativas que supoñan innovacións didácticas

A segunda modalidade céntrase nos recursos destinados ao alumnado con necesidades específicas de apoio, e nos materiais relacionados co plurilingüismo e o eido científico-tecnolóxico-matemático

Os docentes galardoados poderán recibir entre 1.000 e 3.000 euros en premios


A convocatoria inclúe dúas modalidades (A e B). A primeira premia experiencias educativas que supoñan innovacións metodolóxicas e didácticas sobre calquera área e sobre a organización dos centros docentes; mentres que a segunda está dirixida aos materias e recursos destinados ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo; a materiais relacionados co plurilingüismo, utilizados nas seccións bilingües; e recursos relacionados co ámbito científico-tecnolóxico-matemático.

Na modalidade A, o primeiro premio está dotado cun total de 3.000 euros; os dous segundos coa cantidade de 1.500 euros; e os 10 terceiros con 1.000 euros. Na segunda modalidade, a Administración educativa convoca dous premios de 2.000 euros para os materiais dirixidos ao alumnado con necesidades específicas de apoio; e cinco premios de 1.000 euros para os recursos relacionados co plurilingüismo. Ademais, haberá 5 premios relacionados co ámbito científico-tecnolóxico-matemático; un primeiro cunha dotación de 2.000 euros; dous segundos de 1.500 euros; e dous terceiros de 1.000 euros.

A comisión seleccionará os traballos tendo en conta o carácter innovador ou integrador de prácticas educativas novas, eficaces e sustentables, no caso da primeira modalidade. Ademais, terá en conta a calidade da investigación ou avaliación previa que lle dea fundamento ao traballo; así coma a adaptación do traballo ao alumnado e ás súas necesidades e capacidades, tomando en consideración a variedade de situacións educativas. Tamén se valorará a calidade do deseño didáctico, materiais e presentación gráfica, a capacidade para ser difundido e a transferibilidade a outros contexto educativos.

Ademais, na segunda modalidade teranse en conta criterios coma a axuda que presenta á resolución de problemas didácticos concretos nunha área ou materia; a adaptación á realidade galega, á súa diversidade, aos seus valores e sinais de identidade; o deseño pedagóxico e a adecuación ás últimas tecnoloxías, etc. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 15 de setembro de 2007.

 

0 comentarios