Blogia
Sekeirox

O bardo

O bardo Da alma no fondo

eu levo unhas cordas,

que a cada momento

soando están soas:

se estou vixiando

ocúpanme as horas;

se en plácido sono

os membros repousan,

axítanse insomnes,

xa doces, xa roucas.



En vano, febrento,

nas luitas recónditas,

o ánimo ousado

en vano se esforza

por domar o tumulto sublime,

as férvidas notas,

soberbias, agrestes,

salvaxes, grandiosas,

que ¡ai¡ no profundo

dos bardos repousan,

¡cal repousan as chispas que dormen

nas altas curotas!



EDUARDO PONDAL, "Queixumos dos pinos" (1886)

EDICIONS XERAIS. Eduardo Pondal, Poesía. Biblioteca das letras galegas.

Segundo a BVG Eduardo María González-Pondal Abente, naceu en 1835 na Ponteceso, comarca de Bergantiños. En 1848 instalouse en Santiago para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina.

En 1860, publica "A campana de Anllóns", o seu primeiro poema en galego. No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e español que servirá de base a "Queixumes dos pinos" (1886). "Os pinos", xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los pinos, conformará o himno galego, con música de Pascual Veiga.
Pondal, poeta oficial do movemento rexionalista, encamiñará a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e á decidida defensa da liberdade do noso pobo. En 1858, publica "Os Eoas", un extenso poema épico baseado na descuberta do continente americano.

0 comentarios