Blogia
Sekeirox

Solidariedade e educación

Xa comentei no post anterior, que estaría estes días navegando baixo mínimos, deixándome levar polo vento, pola forza das mareas,... pero tentando manter o rumbo. E como non son surfeiro experimentado, fago (como moitos dos actuais navegantes) un pouquiño de trampa e utilizo uns pequenos pero potentes motores auxiliares: neste caso o feedness. Axudado pola súa forza, dou vía fírgoa, con tres novas que me pareceron de gran interese, que coido gardan unha estreita relación.
Por unha banda, fan referencia a unha nova de noticiasdot.com , na que falan de TextArchive: a resposta da comunidade libre (concretamente da asociación sen ánimo de lucro "Internet Archive") emulando á iniciativa de construír unha gran biblioteca online, anunciada hai pouco polos responsables de Google: a Google Library. En TextArchive xa participan como doantes: a Biblioteca do Congreso estadounidense, a Universidade Carnegie Mellon, as Universidades de Toronto, Ottawa e McMaster; a universidade china de Zhejiang, o Instituto Indio da Ciencia ou a Bibliotheca Alexandrina de Egipto.

Por outra banda, destacan a través de barrapunto.com, o post de rvr que informa de que a versión en galego do Wikcionario, chegou a sobrepasar as 10000 entradas (10391 concretamente ás 13h de hoxe), colocándose dentro dos tres maiores wikcionarios.

E por último, e pola mesma vía, din tamén co artigo: Education for All Global Monitoring Report 2005 - The Quality Imperative, (o seu resumo pódese descargar tamén en fírgoa), no que se argumenta que a calidade: é o centro da educación; que inflúe no que aprenden os estudiantes, no ben ou mal que estudian, e nos beneficios que obteñen do seu proceso educativo.
Tras facer unha análise profunda da situación educativa de diversos países e a nivel mundial, fálase da importancia que teñen os gobernos tanto a nivel nacional como internacional, de cara a asegurar un ensino de calidade a todos os alumnos do mundo, por medio de políticas educativas solidarias.

A solidariedade e o compartir no ámbito educativo, son elementos comúns aos tres artigos comentados. Leerei este último da UNESCO con máis detemento estes días.

0 comentarios