Blogia
Sekeirox

Reencontro no(co) chat

O outro día tiven un agradable “reencontro” cun vello “contertulio”: o amigo Batea.

Haberá xa uns cinco ou seis anos, que empezou a andaina do chat de La Voz de Galicia ; e nesta andaina nos embarcamos un grupo de persoas que nos fixemos asiduos a este "encontro" e que co paso do tempo se foi facendo máis e máis nutrido. Había persoas que estaban lonxe da casa e que atopaban ali un nexo coa terriña que lles axudaba a levar mellor a súa morriña; familias que quedaban para conversar a un prezo máis módico que as tarifas telefónicas do momento; investigadores, xornalistas, mecánicos, estudantes, hosteleiros, amas de casa, políticos, profesores,... galegos e non galegos, de Galicia e de fóra dela que nos xuntabamos para pasar un bo rato. Cada día: unha leria distinta.
Pouco a pouco, fomos conformando unha pequena gran comunidade, unha pequena rede social a través do chat. Naquel entonces, os blogs eran a excepción, e as ferramentas de mensaxería instantánea, comezaban a facerse un oco no mercado.

O caso é que co paso do tempo, por “haches” ou por “bes”, tiven que ir deixando un pouco de lado aquel meu “vicio” e costume practicado durante un par de anos, de “reunirme” cos colegas a parolar un pouco. Dende hai tres ou catro anos tan só fixen aparicións puntuais e en horarios que non coincidían co das “nosas” quedadas, para comprobar que aquel grupo inicial se fóra debilitando co paso do tempo.

O outro día, cando me atopei con “batea”, contoume que os encontros fornecéranse máis do que eu pensaba e que agora incluso procuraban facer unha xuntanza anual con merenda e licor-café de por medio (isto último o engado eu porque estou case seguro de que será así); non estaban todos (moitos fómonos espallando) pero foron quen de manter o grupo, que foi medrando e mudando como é lóxico co paso do tempo.

O IRC “chat”, é sen dúbida unha das ferramentas de “comunicación” (intercambio de información intencional entre persoas) clásicas, básicas e nucleares no desenvolvemento de internet; e aínda que agora estanse a utilizar cada vez máis, unha gran variedade de ferramentas de mensaxería instantánea que engaden outros complementos á conversa. As bases do uso do chat, permanecen e esténdense ás súas evolucións.

O chat segue a ser a canle de comunicación a través de internet preferida dos máis xoves, e dos que non o son tanto, a nivel mundial. Moitos foron os encontros e desencontros que tiveron e teñen lugar a través desta ferramenta: negocios, negocietes; novas parellas, divorcios; experiencias solidarias (cousas boas e coussa malas, como a vida mesma); experiencias docentes, ... todo tipo de encontros, que teñen como nexo común o diálogo participación, e tantos temas como variedade de persoas nos podemos atopar nos diversos ámbitos sociais.

Sen dúbida, a mellor forma de conversar cos demais, é cara a cara, pero cando algún dos interlocutores non pode asistir fisicamente á charla, o chat (e os seus derivados) son unha excelente ferramenta para mantela.

No ámbito educativo, o seu uso docente é o mesmo que o de calquera conversa que teña lugar no proceso de ensino, coas peculiaridades propias do medio (dependencia e mediación dos ordenadores e da rede).

O intercambio de impresións en tempo real é moito máis fluído que o asincrónico (propio por exemplo dos foros, incluso dos blogs), e se pode utilizar para realizar explicacións; atender titorías; como punto de encontro dos estudantes para realizar traballos ou para manter conversas informais sobre diversas temáticas.

Algúns usos e aspectos ater en conta cando usamos o chat nas clases:

  • A programación de sesións de Chat con fins titoriais ou monográficos implica que todos os participantes teñan “estudado” (revisado) con anterioridade os materiais obxecto de estudio e isto require unha coidadosa planificación e xestión das instrucións, previas ao inicio da actividade.
  • Un uso bastante habitual, é a organización de encontros moderados, con expertos (persoas de referencia sobre unha temática determinada), nos que se poden alternar explicacións e roldas de preguntas.
  • A posibilidade de envío de mensaxes privadas, permite crear conversas con limitación de interlocutores, axudando a personalizar o proceso de ensino e facilitando o desenvolvemento de actividades de tipo colaborativo entre os estudantes.

De "netiqueta ": Algúns consellos de bos modais no Chat:

    • Debemos procurar respectar as “quedadas” como se fosen citas presenciais, para o caso é o mesmo.
    • Procuremos non facer algo que non nos gustaría que nos fixesen a nós
    • Fagamos o esforzo de pensar (aínda que sexa un pouquiño) antes de escribir, queda todo recollido e ás veces deixámonos levar pola conversa e podemos meter a pata; neste caso as palabras non as leva o vento.
    • Non debemos escribir en maiúsculas, xa que equivale a falar berrando e iso amola bastante
    • Evitade textos e mensaxes excesivamente longas, equivale a monopolizar a conversa e resulta máis pesado de seguila.
    • Procuremos non perdernos no medio das “pseudoconversas” que se manteñen entre os distintos participantes, é moi importante procurar seguir o fío.
    • Respectemos a privacidade e a intimidade do resto de usuarios, se alguén nos quere contar algo xa nolo dirá, pero o medio sérvenos en ocasións de “parapeto” para sentirnos máis seguros e abrirnos aos demais.
    • Non “ataquemos” aos usuarios que cometan erros tipográficos, xa que é moi doado equivocarse co teclado, e non todo o mundo ten a mesma soltura, nin un coñecemento da lingua apropiado, cada un se comunica como pode ou como sabe. Se nunha clase imos controlar a escrita dos alumnos, cómpre que llo digamos para que se esforcen e tomen as medidas oportunas.
    • Os saúdos automáticos, publicidade e mensaxes periódicas non son ben recibidas, e resultan molestas
    • Teñamos en conta o contexto e a orixe dos seus contertulios. Evitade malas interpretacións das súas expresións, “chistes”,...

Tedes feito outros usos docentes do chat? como credes que se pode mellorar a netiqueta proposta para o seu uso?


3 comentarios

Chat -

un saludo! :)

Carlos -

Alégrome de que che guste o blog Xesús; rencontros como o do outro día ben merecen o esforzo de poñerse a escribir, que é o que nos queda ;)

Xesus Varela (batea) -

Moi interesante o teu blog sobre os chats, amigo \"xacaes\". Gustoume moito a tua disertación sobre o seu uso (ou abuso), e como furrula, e cal é a \"netiqueta\" que deben seguir os usuarios. E, claro, a lectura do blog fíxome revivir as lembranzas daqueles tempos de antaño, cando a maioria éramos aínda uns \"aprendices en cueiros\" nun chat que acababa de nacer... mais que momentos tan maravillosos pasamos alí, e cantas amizades fixemos, que aínda se manteñen ata ´hoxe en día. Como ben dis o chat é un medio que acolle a xentes de países e nacionalidades moi diversas. En particular, os que frecuentamos o chat de A Voz de Galicia, temos un amor moi común a todos nós... chámase Galicia, a nosa terriña.
De novo volvo a felicitarte polo blog tan estupendo que escribes. Saudiños antipodeanos.