Blogia
Sekeirox

Chaves para acadar unha docencia de calidade na universidade

Grazas a este artigo publicado por D. Besadío no DUVI , temos información dunha conferencia impartida por M.A. Zabalza (catedrático de didáctica da USC ). Os que tiveron a sorte de acudir á cita, encadrada dentro do ciclo A docencia universitaria e que tivo lugar na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo , teñen agora máis chaves para reflexionar sobre os novos retos que terá que afrontar a universidade para adaptarse aos novos tempos e, con el, ao EEES .

Algunhas das cuestións e afirmacións, sen dúbida moi resumidas e expresadas de forma sintética nesta nova, son aspectos chave sobre os que dialogar e conversar tanto na docencia universitaria como noutros niveis do ensino.

Segundo a fonte citada, M. Zabalza mantivo que para ser un bo docente non abonda con ter capacidade de planificar o curso, seleccionar e presentar os contidos do xeito axeitado e explicalos de forma comprensible. É necesario ademais:

  • Ter capacidade de reflexión sobre o que se está a facer.
  • Manexar as novas tecnoloxías.
  • Ser capaz de traballar en equipo.
  • Ter boas relacións cos alumnos
  • Facerlles ao alumnos un bo proceso de titorización.

Segundo Zabalza, as novas xeracións non están preparadas para recibir grandes cantidades de información vía verbal, polo que os docentes deben tentar chegar a eles a través de outro tipo de vías, como son as novas tecnoloxías. Como exemplo da súa importancia mencionou que, “coas titorías tradicionais apenas acudían alumnos, só algún en datas próximas aos exames, sen embargo, co novo formato virtual recíbense correos a diario para resolver dúbidas”.

Con respecto ao comentario xeralizado entre docentes universitarios da deficiente formación coa que os estudantes chegan ás aulas universitarias, Zabalda destacou que “os nosos alumnos son distintos a como eramos nós, veñen peor preparados en determinadas materias pero saben moito máis doutras, como a informática ou os idiomas. Habería que sacarlle o máximo partido a estas novas fortalezas”, comentaba.

Segundo a fonte, Zabalza destacou que co novo sistema de créditos ECTS “o que se intenta é chegar a un tipo de educación que non se centre no ensino, senón na aprendizaxe, con titorías obrigatorias, seminarios, obradoiros... novas formas que nos permitan supervisar a aprendizaxe dos nosos estudantes”.

Para este autor, o labor fundamental que ten que asumir o profesor universitario é o de docente, fronte á investigación. Por outra banda, o papel do alumnado vaise ver modificado xa que se esperará del un certo grado de autonomía e que asuma parte da responsabilidade dentro do seu proceso educativo.


Zabalza apuntou algúns aspectos básicos para lograr un ensino universitario de calidade:

  • Importancia de deseñar e planificar a docencia con sentido de proxecto formativo (referíndose á importancia da planificación previa).
  • Seleccionar e presentar os contidos (pese a estar pouco valorado tradicionalmente).
    Elixir contidos interesantes e presentalos de xeito atractivo.
  • Incorporar as novas tecnoloxías e recursos diversos, aos que estes estudantes son moito máis receptivos
  • Xestionar axeitadamente os métodos didácticos
  • Relacionarse construtivamente cos alumnos.
  • Titorizar aos alumnos, de xeito que poidan ter un titor que os oriente e siga o seu proceso de aprendizaxe.
  • Avaliar aos alumnos (un dos aspectos no que agora están máis frouxos os docentes).
  • Reflexionar e investigar sobre a propia docencia e implicarse institucionalmente.


Ao fío da conferencia presentouse o libro Competencias docentes docentes do profesorado universitario. Calidade e desenvolvemento profesional editado pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa, no que se abordan os novos retos do EEES.

1 comentario

Xano -

Carlos, agradézoche a participación en Remexer e foron precisamente os comentarios os que motivaron esta especie de meme: http://remexernalingua.blogspot.com/2008/01/intercambios.html
Gustaríame que alguén coma ti, con experiencia nestes proxectos, botase un pouco de luz sobre o tema.
Unha aperta.