Blogia
Sekeirox

(SI) Sociedade da Inf...

A web como espazo da cultura en rede

Dentro das accións formativas de Interea (2007-2008) incluíron un obradoiro que se denominou: A web como espazo da cultura en rede. A coordinadora de formación: Laura Cruz tivo a ben convidarnos á amiga Lucía Blanco e a min mesmo para que fixésemos de relatores nesta actividade. O formato: un obradoiro dirixido a técnicas e técnicos de cultura; o lugar: O telecentro (local multiusos) do concello de Santa Comba .

O programa desenvolveuse segundo o previsto (aínda que sobre a marcha decidimos facer algúns cambios para centrarnos nalgunhas ferramentas que resultaron de especial interese para os asistentes): ás 9:30 recollida de material; ás 10:00 a presentación do obradoiro e a partir das 10:30, Lucía e máis eu dinamizamos unha primeira parte que consistiu na análise da realidade dos técnicos de cultura da provincia da Coruña no que ao traballo en rede se refire. Aproveitamos un artigo publicado no número 10 da revista: Interea Visual dedicado á cultura de rede. O artigo concreto Novas artes para a faena cultural de Fernando R. Lavandeira , deu moito de si e serviu para iniciar un debate que rematou cunha posta en común das dificultades e potencialidades que os asistentes consideraron de cara ao traballo en rede, na rede.

Ás 12 chegou o descanso, e co descanso un magnífico almorzo encargado pola organización e servido polo persoal do restaurante Leandro (Santa Comba) a onde haberá que volver. Todo riquísimo especialmente os buñuelos, mellor dito as "chulas", que non as comía tan ricas dende hai moito tempo que mas preparaban na casa.

Tralo descanso, Lucía e máis eu (os futanos, ou futanitos) comezamos a contar como cíamos que algunhas ferramentas (principalmente as que están na liña da web 2.0) poderían axudar aos técnicos de cultura a desenvolver mellor o seu traballo e a fortalecer as ligazóns entre os membros dese colectivo.

Etiquetado, RSS (as pelotas e o agregador de Ayerbe volveu a funcionar), marcadores sociais, blogs, wikis, mapas, axendas compartidas, documentos compartidos, ferramenta para visualizar as redes sociais,... comenzaron a encher os maletíns de ferramentas que lles entregamos aos asistentes. Obviamente foron demasiadas cousas pero o obxectivo de lanzar ideas abrir portas e posibilidades conseguiuse ao noso entender.

Entre ferramenta e ferramenta (en case todas elas os asistentes tiveron a ocasión de probalas e comprobar a facilidade do seu uso, a pesar de que non estaban afeitos a traballar con elas), gozamos dunha estupenda comida en compañía de todas e todos os asistentes. Foi un bo momento para reforzar lazos, contar experiencias e pasar un bo rato.

Na última parte do obradoiro, pola tarde, partindo das necesidades detectadas na sesión da mañá e coas ferramentas que tiñan nos seus maletíns, convidóuselles a aventurar unha posible configuración "da ferramenta" (integradora de outras ferramentas) que necesitarían para fornecer as redes sociais relacionadas co seu traballo: a cultura. O resultado foi máis que alentador e satisfactorio, porque serviu para comprobar que tiñan captado o potencial das ferramentas presentadas e a necesidade de compartir e colaborar na rede.

Para rematar, quedou pendente a realización dunha tarefa (entre todas e todos) para comezar a definir como é esa rede que queren empezar a visualizar na "rede".

Grazas a Laura, Mónica (que asumiu a secretaría da actividade) e a Interea pola posibilidade que nos deron de participar.

(En canto me pasen as fotos tomadas no obradoiro, compartireinas)

Nova Lei do libro e da lectura de Galicia

Nova Lei do libro e da lectura de Galicia

No DOG de hoxe, vense de publicar a Lei 17/2006 do 27 de decembro do libro e da lectura de Galicia.

Nunha primeira "lectura en diagonal", atopei unha lei loable no seu espirito, pero con algunhas cuestións no seu articulado que se me antoxan doutra época, ou cando menos susceptibles de máis dunha interpretación. Gostaría de ter a opinión crítica de expertos na materia a propósito desta Lei. Dareille unha lectura máis a fondo e seguro que a vexo con mellores ollos

Levar os apuntes da universidade por Vigo adiante

O outro día, en Código Cero recollían unha nova á que chegara uns días antes revisando materiais sobre o EEES (Espazo Europeo de Educación Superior), para facer unha anotación. Desta nova fixéronse eco en diversos medios de tirada autonómica e nacional, como se pode apreciar nas novas do portal habilitado pola Vicerreitoría de Novas Tecnoloxías e Calidade da Universidade de Vigo, para recoller todo o relacionado con este estupendo servizo de UVigoTV. No portal describen o servizo como "unha televisión corporativa sobre Internet, que permite a transmisión en directo de eventos a toda a rede de Uvigo ou a todo Internet, según se desexe. A súa recepción faise a través do computador persoal coa mesma facilidade que a visión dunha páxina web. Asimesmo, este sistema permite gravar eses eventos e facelos dispoñibles baixo demanda a través da Videoteca de Uvigo-TV". Os profesores que o desexen, poden facer uso dos recursos multimedia que ofrece a Universidade de Vigo, como por exemplo ofrecer os apuntamentos aos seus alumnos en formato mp3, aínda que como aclara Vicente Goyanes, un dos pais e responsable da criatura, a asistencia a clase segue a ser obrigatoria. Ademais das clases e videos explicativos a través da rede, e as gravacións en mp3, hai que sumarlle a posibilidade deacceso ás presentacións e notas dos profesores sobre diversos temas.

A Universidade de Vigo dá un paso importante no eido da formación apoiada no uso das redes e sitúase como unha institución de ensino superior punteira neste senso. Parabéns

 

 

 

Cadernos de Lugo

O outro día, escoitando na radio galega unha entrevista ao alcalde de Lugo souben que tamén se sumou a participar activamente na blogosfera. Botándolle un ollo ao seu blog José L. Orozco , achegueime un pouco á iniciativa: Cadernos de Lugo. Un blog para cada cidadán , do Concello de Lugo ; hoxe vía Código Cero afondei un pouco máis nela.

Levan xa cinco meses de andadura e preto de medio cento de cadernos creados. Estiven a trastear un pouco e non me pareceu o mellor dos sistemas de publicación, máis ben queda un pouco escaso demais. De todos modos, e á espera de que sigan mellorando, pareceume unha boa iniciativa municipal.

 

 

Sequía anotadora

Despois dun tempo de "sequía anotadora", cóntovos que non puiden asistir a un evento ao que lle tiña moitas gañas: o EnBlogs´06 organizado pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega . O que sí puiden facer, foi seguir o evento a través do blog habilitado polos organizadores para tal fin, e o que puiden ler, das diferentes ponencias ademais de gustarme moito, deixoume unha certa sensación de envexa por non poder estar ali.

Todas as ponencias que seguín grazas aos blogueiros da organización, son dignas de mención, pero as que máis "me chamaron" (repito: sen haber estado ali), foron o estudo presentado por Silvia Canabal do Grupo de novos medios da USC : " A blogosfera en galego: demografía, usos e contidos "; a presentación do amigo Amador sobre a sindicación de contidos; e a presentación elaborada por Catuxa Seoane de Deakialli : "De colexios invisibles, blogs e blogosfera "

Entre ponencia e ponencia, estiven ao tanto das novas dos xornais e do meu recolledor (como case que tódolos días). A novidade de hoxe, foi que para enterarme dos titulares de El Mundo.es pódese dicir que grazas a Rosa , hoxe estiven "escoitando o xornal " non só no ordenador, senón que despois escoiteino no coche. Interesante iniciativa: foron dos primeiros co RSS no xornal e agora son dos primeiros co podcasting. A dirección cara á fusión de medios, parece imparable.

Cansos pero contentos

Ata o final, o curso de Novas Tendencias en Internet: a Web semántica e as redes sociais virtuais mantivo o seu nivel. Coido que a experiencia pagou o esforzo.
Tiven ademais algunhas sopresas agradables de última hora, como foi por exemplo, poñerlle rostro a José L de BlogDid, e a outras persoas ás que só coñecía polo seu traballo, que non é pouco. É máis, o traballo que nos permiten ver os demais, é precisamente a principal forma en que nos coñecemos na "inexistente (como alí se dixo)" blogosfera; os nosos intereses e as nosas accións lévannos a ir tupindo cada vez máis a nosa rede social. A miña, teceuse un pouquiño máis durante esta semana.
Outra grata sorpresa foi atoparme no curso, aínda que él asistía de forma virtual, con Daniel Primo, compañeiro de fatigas en Aulablog, a quen se lle concedeu o segundo premio de ideas innovadoras promovido como actividade do curso.
Imaxes do evento.

Ser activos na Sociedade da Información

Ser activos na Sociedade da Información Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005

Principios: 4. Creación de capacidades
32. Os creadores, editores e productores de contido, asi como os profesores, instructores, arquivistas, bibliotecarios e alumnos, deben desempeñar unha función activa na promoción da sociedade da información, particularmente nos países menos adiantados.
33. Para acadar un desenvolvemento sostible da sociedade da información, deben reforzarse as capacidades nacionais en materia de investigación e desenvolvemento de TIC. Por outra banda, as asociacións entre países desenvolvidos e países en desenvolvemento, incluídos os países con economías en transición, con fins de investigación e desenvolvemento, transparencia de tecnoloxías, produción e utilización dos productos e servizos TIC, son indispensables si se desexa propiciar a creación de capacidades e unha participación mundial na sociedade da información. A fabricación do productos para as TIC representa unha oportunidade importante de creación de riqueza.

E me pregunto, como se distribúe logo esa riqueza na realidade?

Sobre a creación de capacidades

Sobre a creación de capacidades Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005

Principios: 4. Creación de capacidades
29. Hai que ofrecer a cada persoa a posibilidade de adquirir as competencias e os coñecementos necesarios para comprender, participar activamente e beneficiarse plenamente da sociedade da información e a economía do coñecemento. A alfabetización e a educación primaria universal son factores esenciais para crear unha Sociedade da Información integradora para todos tendo en conta en particular as necesidades especiais das nen@s e mulleres. Á vista da ampla gama de especialistas nas TIC e a información que serán necesarios a todos os niveis, debe prestarse particular atención á creación de capacidades institucionais.
30. Debe promoverso o emprego das TIC a todos os niveis na educación, a formación e o perfeccionamento dos recursos humanos, tendo en conta as necesidades particulares das persoas con discapacidades e os grupos desfavorecidos e vulnerables.
31. A formación continua e de adultos, a capacitación noutras disciplinas e a aprendizaxe continua, a ensinanza a distancia e outros servizos especiais, tales como a telemediciña, poden ser chave á hora de beneficiarse das novas posibilidades ofrecidas polas TIC para os empregos tradicionais, os profesionais liberais e as novas profesións. A este respecto, a conciencia acerca da importancia que revisten as TIC e a adquisición de coñecementos nesta esfera son un cimiento fundamental.

Comentarios???

Acceso á información e ao coñecemento

Acceso á información e ao coñecemento Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005

Principios:
24. O que todos podan acceder e contribuir á información , as ideas e o coñecemento é indispensable nunha sociedade da información incluinte.

25. É posible mellorar o intercambio e o incremento dos coñecementos mundiais para favorecer o desenvolvemento, se se eliminan as barreiras que impiden o acceso equitativo á información para realizar actividades económicas, sociais, políticas, sanitarias, culturais, educativas e científicas, e si se facilita o acceso á información que existe no dominio público, o que se pode acadar, entre outras cousas, mediante o deseño universal e a utilización de tecnoloxiás auxiliares.

26. Un dominio público rico é un factor capital do crecemento da sociedade da información, xa que xenera vantaxes tales como un público informado, novos empregos, innovación, oportunidades comerciais e o avance das ciencias. O acceso sen dificultade á información do dominio público é esencial na sociedade da información, como o é a protección desta información contra toda apropiación indebida. Habería que fortalecer as entidades púbicas tales como bibliotecas e arquivos, museos, coleccións culturais e outros puntos de acceso comunitario para promover a preservación dos rexistros de documentos e o acceso libre e equitativo á información

27. Pódese fomentar o acceso á información e ao coñecemento informando a todas as partes interesadas das posibilidades que brindan os diferentes modelos informáticos, o que inclúe os programas patentados, de fonte aberta e fonte libre e gratuita, para acrecentar a competencia, facilitar o acceso dos usuarios e diversificar a elección, e permitir que todos os usuarios conciban as solucións que mellor se axustan ás súas necesidades. O acceso asequible aos programas informáticos débese considerar como un compoñente importante dunha sociedade da información verdadeiramente integradora.

28. Esforzámonos en propiciar o acceso universal e equitativo ao coñecemento científico e a creación e divulgación de información científica e técnica, con inclusión das iniciativas encamiñadas ao acceso aberto no campo das publicacións científicas

Comentarios??

Garantir o acceso

Garantir o acceso Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005

Principios:
23. Habería que concibir e aplicar políticas que cren un clima favorable de estabilidade, previsibilidade e competencia leal a todos os niveis, de modo que se atraia máis á inversión para o desenvolvemento de infraestructura TIC e que esta sirva tamén para cumprir as obrigas do servizo universal en rexións nas que as condicións tradicionais do mercado non o permiten. Nas zonas menos aventaxadas o establecemento de puntos de acceso público ás TIC en oficinas de correos, escolas, bibliotecas e arquivos poden garantir eficazmente o acceso universal aos servizos e a infraestructura da sociedade da información.

Solidariedade

Solidariedade Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005

Principios:
22. Un bo desenvolvemento de infraestructuras de rede e aplicacións de comunicación e información adaptadas ás condicións locais, rexionais e nacionais, facilmente accesibles e asequibles, e que utilicen en maior medida á banda ancha e, de ser posible, outras tecnoloxías innovadoras, pode acelerar o progreso económico e social e mellorar e benestar de todas as persoas, comunidades e poblacións.

Desenvolvemento para o sostemento e mellora

Pormoción das TIC para o desenvolvemento

Pormoción das TIC para o desenvolvemento Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005
Principios:
A función dos gobernos e de todas as partes interesadas na promoción das TIC para o desenvolvemento
20. Os gobernos, o sector privado, a sociedade civil, as Nacións Unidas e outras organizacións internacionais teñen unha función e unha responsabilidade importantes no desenvolvemento da sociedade da información e, no seu caso, no proceso de adopción de decisións. Crear unha sociedade da información que teña como prioridade á persoa supón un esforzo conxunto que necesita a cooperación de todas as partes interesadas.

Blogs e comunidades de práctica

Vía elearnspace, dou cun artigo e comentarios interesantes sobre o mesmo de Manuel Cornejo que fala das comunidades de práctica e do papel dos blogs como unha ferramenta de traballo moi útil para as mesmas.

TICs e Igualdade

TICs e Igualdade Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005
Declaración de principios:
12. "Afirmamos que o desenvolvemento das TIC brinda inxentes posibilidades ás mulleres, as cales deben formar parte integrante da sociedade da información e han de ser actores moi destacados desta sociedade. Comprometémonos a garantir que a sociedade da información fomente as capacidades das mulleres a a súa plena participación sobre as bases de igualdade en todalas esferas da sociedade e en tódalas etapas da adopción de decisións. A este efecto, debemos integrar unha perspectiva de igualdade de xénero e utilizar as tIC como un instrumento para conseguir este obxectivo."
13. "Ó construír a sociedade da información debemos prestar especial atención á situación dos grupos marxinados e vulnerables da sociedade, en particular os emigrantes, as persoas desprazadas no seu propio país e os refuxiados, es desempregados e as persoas menos favorecidas, as minorías e as poboacións nómadas. Recoñecemos, por outra banda, as necesidades especiais dos anciáns e as persoas con discapacidades."
14. "Estamos resoltos a habilitar ós pobres especialmente aqueles que viven en zonas remotas, rurais e urbanas marxinalizadas, a acceder á información e utilizar as TIC como instrumento para apoiar esforzos por liberarse da pobreza."
15. "Na evolución da sociedade da información, debe presentarse particular atención á situación especial dos pobos indíxenas, asi como a preservación do seu legado e o seu patrimonio cultural."

Pechar a fenda

Pechar a fenda Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005
Declaración de principios:
10. Somos plenamente conscientes de que as vantaxes da revolución da tecnoloxía da información están na actualidade desigualmente distribuidas entre os paises desenvolvidos e en desenvolvemento, asi como nas sociedades. EStamos plenamente comprometidos a facer desta fenda dixital unha oportunidade dixital para todos, especialmente aqueles que corren perigo de quedar rezadagos e ainda máis marxinados.

11. Comprometémonos a materializar a nosa visión común da sociedade da información para nós e as xeneracións futuras. Recoñecemos que os xóvenes constitúen a forza de traballo futuro, están á vangarda das TIC e son tamén os primeiros que as adoptaron. En consecuencia, deben ser facultados como estudiantes, conceptores, contribuintes, empresarios e formuladores de decisións. Debémonos concentrar especialmente nos xóvenes que non tiveron a posibilidade de beneficiarse de cheo das oportunidades que brindan as TIC. Tamén comprometémonos a garantir que, no desenvolvemento das aplicacións e a explotación dos servicios TIC, se respecten os dereitos dos nenos e se vele pola súa protección e benestar.

A educación: base do progreso

A educación: base do progreso Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005
Declaración de principios:

8. Recoñecemos que a educación, o coñecemento, a información e a comunicación son esenciais para o progreso, a iniciativa e o benestar dos seres humanos.Por outra banda, as TIC teñen inmensas repercusións en prácticamente tódolos aspectos das nosas vidas. O rápido progreso destas tecnoloxías brinda oportunidades sen precedentes para acadar niveis máis elevados de desenvolvemento. Gracias á capacidade das TIC para reducir as consecuencias de moitos obstáculos tradicionais, especialmente o tempo e a distancia, por primeira vez na historia pódese utilizar o vasto potencial destas tecnoloxías en beneficio de millóns de persoas en todo o mundo.

9. Recoñecemos que as TIC deben considerarse como un instrumento e non como un fin en sí mesmas. En condicións favorables estas tecnoloxías poden ser un instrumento moi eficaz para acrecentar a productividade, xerar coñecemento económico, crear empregos e posibilidades de contratación, asi como para mellorar a calidade de vida de todos. Por outra banda, poden promover o diálogo entras as persoas, as nacións e as civilizacións

Iguladade de tódolos estados

Iguladade de tódolos estados Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005
Declaración de principios:

6. De conformidade co espirito da presente Declaración, consagrarémonos unha vez máis a apoiar o principio da igualdade soberana de tódolos Estados.

7. Recoñecemos que a ciencia debe desempeñar un papel cardinal no desenvolvemento da sociedade da información. Gran parte dos elementos contitutivos desta sociedade son o froito dos avances científicos e técnicos que non serían posibles sen a libre circulación dos resultados da investigación.

¿Por que se teñen que ir os investigadores de España? ¿Por que protestan os investigadores pola súa situación? ¿Por que os bolseiros son precarios? ¿Por que non se inviste máis en educación básica e superior e en investigación? ¿Por que ...?

Sociedade da Información (SI) e dignidade humana

Sociedade da Información (SI) e dignidade humana Cumio mundial sobre a sociedade da información. Xenebra 2003 - Túnez 2005
Declaración de principios:
5. Reafirmamos o noso compromiso co disposto no Artigo 29 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a saber, que toda persoa ten deberes respecto á comunidade, posto que só nela pode desenvolver libre e de cheo a súa personalidade, e que, no exercicio dos seus dereitos e liberdades, toda persoa estará só suxeita ás limitacións establecidas pola lei co único in de asegurar o recoñecemento e o respecto dos dereitos e liberdades dos demais, e de satisfacer as xustas esixencias da moral, da orde pública e do benestar xeral nunha sociedade democrática. O exercicio destes dereitos e liberdades non debe contradecir en ningún caso os obxectivos e principios das Nacións Unidas. Por esa razón, temos que fomentar unha sociedade da información na que se respecte a dignidade humana