Blogia

Sekeirox

Non chorizarás,...


Gústame o cine e ir ao cine, aínda que non vou demasiado. Ontes estiven no cine e fun ver: "The Ant Bully" da WB.

A peli é entretida e os rapaces o pasaron ben. Ademais a máis de un lle fixo reflexionar sobre o mal que o poden pasar os animais cando os maltratan (esa auga amarela caida sobre os formigueiros,... o chorro da mangueira..., o chedarlle co pau para ver como saen as formigas ..... Bueno, o caso é que a algún lle fixo reflexionar sobre iso, e sobre a importancia da unión e do compartir intereses: " a unión fai a forza"; e "moitos pequenos unidos, poden cun máis forte"; bueno esas cousas comentáronas os pequenos ao saír do cine.

Eu quedeime con outro detalle que aconteceu antes de que empezase a película. Despois dos típicos anuncios lembrando apagar o mobil,... sae outro que di: "Non roubarás: bolsos, carteiras, ... ou sexa, que non sexas "chorizo"; e tamén din que non debes roubar as pelis baixándoas e visionándoas dende internet; por suposto se che pillan gravando no cine incáutanse do material ilegal e tes que saír acompañado dos membros dos corpos de seguridade. En fin, que como xa sabiamos, iso de roubar non está ben (que é distinto que compartir).

O caso é que cando saín do cine, saín coa carteira "baleira": desplumáronme.

Os locais están ben, boas pantallas, bo audio,... pero cada entrada.... 5'90€!!!; eramos catro... 24 euros; coas palomitas e tal...: "30 euros"!!! para ver hora e media de película; película que posiblemente en breve poderei ver nos cines ao aire libre do Concello ou que poderei alugar e visionar na casa por un módico prezo compartíndoa con toda a familia e os amigos dos pequenos.

Loxicamente, ninguén me mandou ir vela ao cine, pero ... non lle estarán a facer un fraco favor a esta industria con eses prezos tan abusivos?? a alguén lle extraña que nos últimos anos desaparecesen a maioría dos cines da comarca de ferrolterra??

En fin, que voltei para a casa coa "sensación" de ter sido víctima dunha desas "chorizadas"; aínda que contento porque os rapaces desfrutasen da película.

Recursos edublogs

Á hora de darlle a publicar a anotación anterior sobre a xornada de novas tecnoloxías e xestión cultural , leo sobre a "felicísima" idea de Anibal de ir desenvolvendo no wiki no que se recollen recursos vencellados á Web 2.0 , unha sección denominada "Recursos edublogs" na que se recollen un montón de recursos sobre os blogs en xeral e sobre os blogs educativos en particular.

Como para a preparación da miña intervención no obradorio sobre creación e xestión de blogs, utilicei algúns dos recursos que se recollen neste sitio, e xa que moitos dos seus autores foron de cita obrigada, paréceme de cumpridísima referencia destacalo e apuntalo para a súa consulta diaria. Como ten aberta a porta á participación, xa engadín algún elemento, que espero que a Anibal lle pareza oportuno. (PD. Tal e como lle comentei ao interesado, as cariñas da túa presentación , servíronme para axudar a ilustrar a miña Guiño Moitas grazas)

Os elementos que se recollen nesta sección agrupanse en:

  • 1 Artigos
  • 2 Presentacións
  • 3 Obradoiros
  • 4 Manuais - Tutoriais
  • 5 Na aula
  • 6 Colaborativos
  • 7 Podcasting
  • 8 Sindicación de contidos
  • 9 Blogosfera
  • 10 Varios

 

Rematando a Xornada monográfica: Novas tecnoloxías e xestión cultural

A photo on FlickrRematada a xornada sobre “Novas tecnoloxías e xestión cultural” cóntovos que pasei un rato ben agradable, tanto co personal da organización como con outros compañeiros relatores e cos asistentes ao obradoiro que me tocou impartir. Despois das cañitas correspondentes, para a casa a descansar.

Poñereivos máis detalles sobre o evento neste Sekeirox; como anticipo: a ligazón a un blog que creamos (Lucía Blanco e máis eu) como apoio aos nosos obradoiros: Obradoiros TiC Interea06

 

Xornadas Monográficas: Novas tecnoloxías e xestión cultural

Hai uns días convidáronme a participar na Xornada monográfica “Novas tecnoloxías e xestión cultural” que terán lugar mañá venres 15 de setembro de 2006, nas salas da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de A Coruña , dentro do Plan Formativo 2006 de Interea. As xornadas van destinadas ao persoal técnico e os responsables políticos da Área de Cultura, Educación e Patrimonio Histórico - Artístico dos concellos da provincia da Coruña.

Pedíronme que propuxese un obradoiro de creación e xestión de blogs; e iso tentaremos facer durante dúas horas e media. Tras unha, espero que breve, intervención pola miña parte, na que tentarei trasladar o meu parecer sobre o proveito que lle poderían sacar os asistentes a estas ferramentas (e os seus "clientes", que en realidade somos todos os cidadáns); os elementos básicos que compoñen un blog e se nos dese tempo algúns dos elementos complementarios ou tecnoloxías que utilizamos de forma conxunta cos blogs, que dentro da Web 2.0 ou non, nos fan a vida e o noso quefacer diario un pouco máis agradable. Na parte máis "práctica" espero que os asistentes o pasen, polo menos, tan ben coma min "trasteando" con estas ferramentas.

 


iPods para a docencia

Teño un mogollón de posts no tinteiro pero é o que hai...; irán saíndo na medida en que vaia collendo o ritmo adecuado.

De momento, recollo de Código Cero unha nova que me fixo lembrar o ben que o pasei revisando o que publicaban ao respecto dos podcasts, os colegas Lourdes e Alejandro , e a cola que trouxo o tema.

Din en Código Cero que "o South Kent College de Dover (Reino Unido) investiu 25.000 (36.811 euros) na adquisición de reprodutores iPod nano para 250 dos seus estudantes para que os poidan empregar tanto para escoitar música como para repasar as súas clases, como un xeito de reforzar a súa aprendizaxe.
A iniciativa resulta polémica, xa que hai que considera que é un desperdicio dos cartos públicos, aínda que tamén resulta moi interesante o feito de que poñan en funcionamento un servizo de podcasts coas clases para permitir a descarga das mesmas.O uso de reprodutores de MP3 xa se está a probar en centros educativos de EE.UU. e Australia e supoñen unha boa solución para recuperar clases perdidas ou para repasar temarios dun xeito cómodo e atractivo, que mellora a calidade da docencia
".

Tomamos nota.

Máis lume non!

Máis lume non!

1º Encontro de Edublogs

 

 

Os "aulablogueros", "blogfesores", "edubloggers" e todos aqueles interesados no uso das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicacion) no eido educativo, estamos de enhoraboa.

Dende Aulablog , e coa colaboración de El Tinglado , ven de convocarse o 1º Encontro de Edublogs , a celebrar en Roa de Duero (Burgos) os días 6 e 7 de xulio. A oferta formativa do encontro, conta con participantes de primeira orde que abordarán, en diversos paneis de expertos e obradoiros temas como:

  • A integración das TIC no ensino: a súa situación actual e perspectivas de futuro
  • Os blogs como ferramenta educativa e comunicativa
  • aplicacións educativas dos wikis
  • Recursos multimedia nos blogs
  • Xestión e aproveitamento educativo dos blogs docentes
  • Aprendizaxe virtual con Moodle

Ademais prestarase especial atención ás comunicacións seleccionadas (relacionadas coa integración de TICs en calquera ámbito ou nivel educativo e que xa podedes empezar a enviar) que poderán ser publicadas na web do encontro.

Como peche deste encontro, gustaríanos rematar elaborando unha "Declaración da Ribera" a favor da integración curricular das TIC.

Para participar no encontro xa podes inscribirte. Hai 50 prazas dispoñibles!!

Tedes cumprida información sobre o evento e sobre a inscrición, na web do encontro .

 

Documentación e materiais sobre Moodle

O bon de seguir as pegadas dun monstro como Anibal (que entre outras cousas, é un dos pesos pesados da comunidade de Aulablog ), é que sabes que sempre che vai sorprender con algo interesante. Do seu "nivelaso" no uso e ensinanza da plataforma Moodle , xa teño falado por aqui, o os que o coñecedes, sabedes tamén que ten un blog adicado ao "mundo Moodle": o seu Moodler blog .

Nesta ocasión, sorprendeunos gratamente ao compartir con todos nós unha serie de materiais sobre Moodle presentados a modo de titorial. Estiven a seguilos, e quedei impresionado, tanto polo que ali se conta (aínda que que un tamén ande neses "fregaos" sempre se aprende dos Monstros), como (e sobre todo) pola forma en que se conta.


Anibal é un Mestre; ten a cualidade de achegar o que sabe á súa audiencia de forma sinxela; como adoito a dicir: faino fáaacil.

Grazas Anibal por liberar e compartir estes materiais html, os PDF e as animacións. Todo un luxo

17 de maio: Día de...

Día das letras galegas , adicado este ano a Manuel Lugrís .

 

17 de maio: Día de Internet

 

RSS: a importancia das cousas básicas

O outro día, nunha conversa ¿con ou sen likorca polo medio?, reflexionabamos sobre a importancia que teñen certas cuestións básicas para a nosa vida diaria, e o pouco que falamos delas, precisamente polo obvias que nos parecen.

Cando hai uns anos, descubrín o tema do RSS e dos recolledores (agregadores), a miña vida cambiou. Si, si, sen dúbida mudei a miña forma de traballar e de relacionarme co medio, neste caso a través de Internet. E para nada foi un cambio traumático...; desas cousas que... as probas e xa sabes que ata que saia algo mellor "non poderás pasar sen elas".

O asunto é que últimamente o meu recolledor de sementes "feeds" está aos topes, e aínda o estaría máis se moitos dos novos blogueiros que se meten na blogosfera, tivesen en conta a importancia de ofrecer as súas sementes RSS, e fosen conscientes das facilidades que proporciona o utilizar un recolledor ou agregador de "feeds".

Moitos de nós tardamos un tempo en decatarnos da importancia das sementes RSS e dos agregadores. Neste senso, os proveedores que nos ofrecen o servizo de xestión e publicación dos blogs, xogan un papel fundamental: os máis sensibilizados co tema (que non son todos), inclúen por defecto nas diferentes plantillas a ligazón necesaria para acceder ás sementes RSS; e deste xeito, case sen decatarnos xa estamos a ofrecer nos nosos blogs máis información sobre a propia información (meta) da que pensamos.

Nos últimos tempos, supoño que precisamente polo obvio do asunto, as persoas que con-formamos dalgún xeito a blogosfera, oviamos moitas veces estes temas; e moitos dos proveedores que ofrecen servizos de blogs..., pois tamén.

O resultado: un montón de novos blogs interesantes que quedan sen recoller nos nosos recolledores, por non teren (máis) "visibles" as ligazóns ás súas sementes RSS.

Hai uns días Dorfun falaba do tema e posteriormente Anibal , que tamén está de volta de todo isto, ofreceunos un post ao respecto que non ten desperdicio: "RSS: No navegues, deja que Internet llegue a ti, por ejemplo mediante Bloglines " ao respecto que non ten despercicio. Estes dous "monstros", coma sempre, nolo presentan: doado, sinxelo, didáctico.

Curso sobre Joomla

Está que se sae!!; o "MESTRE" Luis Barriocanal non deixa de sorprendernos gratamente aos que rondamos pola "edusfera".

Nesta ocasión ven de poñer en marcha un curso sobre Joomla (antigo Mambo: CMS que permite desenvolver e manter un sitio dinámico en Internet de forma doada). O curso: "Crea tu web con Joomla", está orientado á instalación, configuración e administración dunha web docente ou unha web de centro.

Este curso, que é gratuito, desenvolverase do 15 de maio ao 30 de xuño e terá como contorno a aula virtual de Aulablog . A titoría, compartida con Lourdes Barroso , complementarase con sesións de chat semanais e un foro permanente para compartir e resolver dúbidas. As persoas, que a través de Aulablog , tiveran a sorte de apuntarse (a inscrición xa está pechada: en pouco máis de 24 horas, houbo 32 matriculados que sobrepasan o cupo inicial previsto), terán o privilexio de aprender e disfrutar con estes magníficos profesionais.

BloGaliza: crea e xestiona o teu blog en galego

A opción galega, en galego e non comercial que ofrece un servizo de creación e aloxamento de blogs, é Blogaliza .

Todo son facilidades para crear o blog; para o que se pon a disposición do blogueiro unha instalación de WordPress.

Como nos din en Blogaliza , unha vez dado de alta o blog, xa podes entrar e "... escoller o teu ESTILO VISUAL("theme"), e xa podes EDITALO!!!", seguindo as instrucións dos administradores do servizo.

Dende Blogaliza ademais, accédese ao planeta , que recolle o dito no blogomillo.

Parabéns por conseguir sacalo adiante!!

Blogs para educar

Da weblografía imprescindible , recomendada por Paco Muñoz en Aulablog , tiña pendente de lectura máis a fondo do artigo de Tíscar Lara : "Blogs para educar. Usos de los blogs en una pedagogía constructivista ", publicado pola revista Telos (Nº 65 Outubro - Decembro 2005).

Os seus epígrafes:

Coincido con Paco en que o artigo, que comento no meu CiteUlike , é de lectura máis que recomendada.

Blogoteca: Fai o teu blog en galego


En Código Cero , recollo a nova de que a empresa galega Abertal , estrea o primeiro servidor público de blogs feito en Galiza e en galego: a Blogoteca . A nova paréceme fantástica, xa estaba tardando unha inicitiva asi. Agora haberá que probala (xa contarei). De entrada, coincido co amigo Dani do Outeiro en que así... de primeiras, a sensación de ter que pasar polo filtro da empresa, e por exemplo ter que dar o teu número de teléfono para poder crear o blog, pode botar a máis de un para atrás. Pero en fin, enhoraboa pola iniciativa, e cando a probe a fondo xa contaremos.

As características coas que contan os blogs creados na Blogoteca son, segundo a fonte :
- Artigos con ligazóns e imaxe asociada.
- Artigos destacados.
- Ligazóns permanentes aos artigos.
- Clasificación dos artigos por categorías.
- Comentarios por artigos.
- Arquivo automático por meses.
- Ligazóns a outros Blogs ou páxinas de Internet.
- Posibilidade de personalizar o idioma do blog.
- Deseños predefinidos adaptables.
- Buscador integrado.
- Sindicación RSS 2.0

Sequía anotadora

Despois dun tempo de "sequía anotadora", cóntovos que non puiden asistir a un evento ao que lle tiña moitas gañas: o EnBlogs´06 organizado pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega . O que sí puiden facer, foi seguir o evento a través do blog habilitado polos organizadores para tal fin, e o que puiden ler, das diferentes ponencias ademais de gustarme moito, deixoume unha certa sensación de envexa por non poder estar ali.

Todas as ponencias que seguín grazas aos blogueiros da organización, son dignas de mención, pero as que máis "me chamaron" (repito: sen haber estado ali), foron o estudo presentado por Silvia Canabal do Grupo de novos medios da USC : " A blogosfera en galego: demografía, usos e contidos "; a presentación do amigo Amador sobre a sindicación de contidos; e a presentación elaborada por Catuxa Seoane de Deakialli : "De colexios invisibles, blogs e blogosfera "

Entre ponencia e ponencia, estiven ao tanto das novas dos xornais e do meu recolledor (como case que tódolos días). A novidade de hoxe, foi que para enterarme dos titulares de El Mundo.es pódese dicir que grazas a Rosa , hoxe estiven "escoitando o xornal " non só no ordenador, senón que despois escoiteino no coche. Interesante iniciativa: foron dos primeiros co RSS no xornal e agora son dos primeiros co podcasting. A dirección cara á fusión de medios, parece imparable.

Comentarios a viva voz con podcasts

Este é o título dun post publicado por Alejandro , sobre unha idea que está a desenvolver man a man con Lourdes Barroso . A verdade é que terán que pasar ainda uns días ata que o poda dixerir ben, e poida parar de pensar en posibles utilidades á súa idea, que non é nin máis nin menos que facilitar comentarios a un post en podcast. En dúas verbas: Im - presionante. Tan sinxelo, tan complexo, tan xenial.

Abrindo portas da educación superior ... con blogs

Este artigo, publicado por un servidor en Aulablog , foi recollido e destacado en e-learning, conocimiento en red por era-ser. Fíxome ilusión que lle gustase e o recollese no seu blog; un dos que reviso a diario.

Web 2.0 e o futuro da web. A Xornada

Web 2.0 e o futuro da web. A Xornada

Tal e como estaba previsto celebrouse na ETSE da USC a xornada co título Web 2.0 e o futuro da web , organizada polo Grupo de Sistemas iIntelixentes do Departamento de Electrónica e Computación .

Ao entrar no estupendo Salón de Actos da Escola, fíxosenos entrega aos asistentes de dous documentos: Web 2.0 en la Wikipedia e What Is Web 2.0: Design Patterns and Business Models for the Next Generation of Software de Tim O’Reilly.

No flikr de Pedro Jorge , que asistiu como blogger e membro da Asociación de usuarios de Linux da USC, temos cumprida información gráfica do evento; e tamén hai unha boa crónica escrita no Código Cero de hoxe.

Ao principio da xornada, e tras o saúdo do Director da Escola de Enxeñería: Juan M. Lema; Eduardo Sánchez Vila, fixo unha presentación da xornada encaixada dentro das liñas de investigación do Grupo ao que pertence. A que máis me interesou é a liña aberta no eido do elearning e o seu proxecto EUME .

Comezou Pedro Jorge, facendo referencia ao grao de subxectividade que aínda encerra o concepto de web2.0, seguindo a definición da wikipedia: ... o que os usuarios "perciben" do que é a evolución da www.

Centrou a súa charla en torno a dúas ideas: Falou da web como plataforma (idea presente en todas as intervencións) que dá soporte ás aplicacións que a maioría dos usuarios de internet utilizamos e mesmo á información que nos acompaña a onde queira que chegue a rede.

A segunda idea principal, ao meu modo de ver, é a da Intelixencia colaborativa; é dicir o realmente importante da rede non é a propia rede senón as persoas que a conforman.

Fixo un percorrido polas aplicacións máis utilizadas na liña da web2.0 (wikis, blogs, flikr, gmail, writely,..), e tamén destacou a importancia que teñen os estándares á hora de que toda a web funcione (independentemente da súa acreditación por parte dunha axencia ou outra) . No eido da empresa destacou a importancia que ten poñerlle rostro á participación da xente nos diversos intercambios que teñen lugar nos distintos frentes de negocio e fixo referencia ao éxito dos comentarios sobre diversos productos por parte dos usuarios en empresas com por exemplo Amazon.

Chegoulle o turno a Joaquín Lameiro Paz de IBM, quen (dende o punto de vista da empresa) fixo un repaso da evolución de internet nos últimos anos e dos movementos de IBM en cada unha das fases desa evolución. Falou do estalido da burbulla en torno ao ano 2000, pasando a cobrar especial relevancia para as empresas o coñecemento colaborativo; o novo paradigma da evolución dende o usuario como "consumidor" ao usuario como "creador" de información.

Falou de como as empresas punteiras foron quen de rentabilizar esa información coletciva, facilitando novas plataformas e recursos, novas ferramentas de participación e souberon adaptarse ás novas estruturas económicas. A aportación por parte dos usuarios supón un valor engadido aos productos e ahi ten moita importancia a folksonomía ou etiquetado popular.

Falou de como os novos medios e o trasvase do protagonismo na producción e difusión da información sobre os usuarios implica necesariamente ter en conta aspectos relacionados coa autoridade (autoría) da información, e na inversión da secuencia: publicación - filtro de información (antes filtrábase e despois publicábase e agora publícase e logo fíltrase).

Destacou a importancia e necesidade de incremento dos anchos de banda de cara á descarga e subida da información e de cara a que os usuarios poidan facer na rede o que desexan, xestionar e editar a información.

Lameiro destacou algúns dos actuais proxectos de IBM, como por exemplo a solución Nstein Public Imaging Monitoring , que entre outras cousas axuda ás empresas a aproveitar toda esa información xenerada coa web2.0 para ter unha idea de como é percibida (e os seus productos); ou o proxecto do Visual Communication Lab de IBM : History Flow , que permite ter, dunha ollada, información relevante sobre o seguimento dun sitio, das contribucións e colaboracións que recibe.

O relator rematou a súa intervención adiantando que el cre que sen dúbida "a web será a máquina", converténdose nunha extensión do noso cerebro.

Manuel Guerreiro de SUN, Falou da empresa á que representa na evolución da web; parouse (pouco) no "concepto" da web 2.0, e falou do "momento Java" que estamos a vivir. Apelou ao eslogan de SUN: "The network is the computer", para falar da intención de SUN de seguir liberalizando os seus productos (dende outubro: Operación "Red October") e a idea da compañía é ir pasando todos os seus productos a código aberto (nun ano ou dous) dependendo da implicación ou non de outras compañías.

Fixo fincapé na idea de SUN de estar presente de cheo no movemento web 2.0; manteñen que os servizos web son un valor en alza na web. Sosteñen a idea de que a web2.0 pode xirar en torno ao desenvolvemento de Java. Sinalou que o cambio do contido estático e unidireccional a dinámico e multidireccional é imparable. Puxo o exemplo de que parte dos servizos de Google teñen a súa base en Java, e que está previsto que o open office se intedre dende a web a través dos servizos de Google.

Engadiu que a web 2.0 vai permitir un modelo mellor de pago por uso (o software como servizo).

Guerreiro, destacou a importancia do desenvolvemento de estándares, que deben ser totalmente abertos para que todo esto se desenvolva, para que a tecnoloxía evolucione e se poidan crear comunidades en torno a elo.

Contou como se está a desenvolver unha importante rede de bloggers entre os traballadores de SUN, entre os que destacou ou blog do propio presidente quen publica a opinión dos seus empregados a través do seu blog; os mantén informados, e ademais crea comunidade(s).

Como proxecto destacado (ademais do xa mencionado "octubre vermello"), falou o relator do lanzamento do Java System Portal Server que actúa como ligazón entre os usuarios finais, a información e servizos empresariais permitindo aos usuarios crear fácilmente comunidades de usuarios e servizos, e desa forma construír portais comunitarios poboados de contido cooperativo, incluindo RSS feeds, blogs e wikis.

Para rematar a rolda de intervencións Álvaro Morón Alonso de Microsoft, falou da "segunda década da web" para referirse á web 2.0. Morón falou de tres piares nos que se sustenta este cambio de cara aos usuarios: o alcance ás tecnoloxía e polo tanto á información; a seguridade, e a fidelidade.

Con respecto ás novidades de Microsoft nesta nova "década" falou do Windows Media Center como o novo gran aparello que vai permitir a integración dixital (PC, TV, audio,...) nas nosas casas, permitíndonos dese xeito acceder a teda a información multimedia das nosas vidas dun xeito doado e rápido.

Falou tamén das características do Windows Vista e das diversas integracións de servizos "web" que permite este Sistema Operativo.

Ao final non puiden quedar para a mesa redonda, que prometía. se alguén o quere contar, pois xa sabe, isto queda aberto ;)

Web 2.0 e o futuro da web

A través do Xornal da USC , entereime da xornada que terá lugar na ETSE da USC o vindeiro xoves 19 de xaneiro, na que se debaterá sobre a Web 2.0 e o futuro da web. Nesta xornada participarán Pedro Jorge Romero da Asociación de Usuarios de Linux da USC, Joaquín Lameiro Paz Delegado de IBM, Manuel Guerreiro de SUN e Álvaro Morón Alonso, de Microsoft.

Tentarei acudir; e se o fago, contareino.

Perdemos todos. Lourdes Taboada

Hoxe é un día triste, para moitos compañeiros do mundo do ensino; para moitos, moitos nenos que quedaron sen a súa mestra; sobre todo para os seus achegados máis próximos, a quen lles mando unha aperta; e tamén para min, que quedei sen unha amiga.

Haberá catorce anos, por estas datas, pedíalle ao meu titor de prácticas da Escola de Formación do Profesorado de EXB da USC, o amigo Lois, que me asignase unha escola na que puidese aprender "moito e de verdade". Non me importaba se me tiña que desprazar moito, se tiña que traballar o dobre,... o que fose con tal de "aprender de verdade" naquelas prácticas de mestre.

E tiven a gran sorte de que me asignaron a escola de Luou, no concello de Teo. Ali atopeime cunha escola diferente, que formaba parte dun CRA (Colexio Rural Agrupado) como outros moitos dos que nos atopamos por Galiza, e polos que tanto loitou.

Aquela escola era diferente, grazas á súa maestra, que tamén era diferente. A súa sinxeleza, clase, dominio da teoría e mestría na práctica, permitíalle manter ilusionados a nenos e pais daquela aldea no seu medrar como persoas; buscando sempre a novidade metodolóxica que mellor se axustase a cada situación. Todo o que facía estaba plenamente razoado e xustificado no papel (incluso as marabillosas improvisacións para aproveitar os acontecementos que xordían no día a día); e o que é máis difícil, encadraba perfectamente as súas propostas (facíao encadrar sen facer ruido) nas formas de facer daquel CRA.

Eu aprendín con ela en tres meses o que non aprendera nun par de anos de escola universitaria. Pero sobre todo aprendín (facendo) que unha boa práctica, susténtase sempre en boas teorías; e que no trato cos nenos, cos compañeiros e cos pais, temos que recurrir sempre ao noso lado máis humano e persoal.

Máis tarde, tiven a sorte de poder traballar con ela nun proxecto editorial, no que aprendín sobre todo a ter en conta o rigor científico, pedagóxico, e o pouso cultural que nos rodea, para deseñar boas propostas didácticas.

Aprendín con ela; abreume as portas da súa casa; acompañoume en momentos bos e malos; aínda que non nos viamos habitualmente sabiamos sempre un do outro; e agora sinto enormemente a perda desta exelentísima profesional e mellor persona, Lourdes Taboada .